18 de abril de 2017

ENCONTRO LITERARIO CON MANOLO MARCOS


 O pasado día 7, o poeta e músico MANOLO MARCOS, afincado en Córdoba e de viaxe por Galicia, compartiu a súa experiencia literaria como afanoso lector e creador libre de imposicións. Fíxoo usando como fío condutor o recitado en primeira persoa dunha selección dos seus poemas e microrrelatos.
  
En diálogo constante cos que alí estabamos, alumnado de bacharelato e profesores, abordou todo tipo de temas desde o escepticismo melancólico e a sátira rebelde que caracterizan á súa obra, pero revestidos para a ocasión dun toque didáctico que soubemos valorar. 

Mostrou en última instancia o seu profundo amor polo libro, como ser complexo e como belo obxecto (confecciónaos artesanalmente!) e despediuse obsequiando aos que quixeron achegarse versos dedicados. 

Unha experiencia a repetir.


Para os que queirades coñecer algo máis da súa obra, en 2015 publicou un libro de poemas “Tácticas de payaso” e desde 2008 mantén un blog de poesía e relatos curtos que merece a pena visitar 👉“PlusUltra”.

A actividade, que por razóns de axenda do poeta realizouse antes de vacacións, forma parte do programa de actos da Semana do Libro que celebraremos proximamente e das iniciativas que desde a Augateca levamos realizando ao longo do curso para coñecer e participar dun xénero con tanta aceptación como é o microrrelato: adquisición de fondos, traballo nas aulas de 2º e 3º ESO dunha unidade didáctica adaptada polo noso equipo, I Concurso de microrrelatos Augateca, ... seguiremos falando diso 😉.






Ningún comentario:

Publicar un comentario