Cando
chegou á Augateca “Matar a un reiseñor”
en versión novela gráfica, sentín o desexo de lela para
rememorar aquela tenra historia e a súa extraordinaria adaptación
cinematográfica que me conmoveran moitos anos atrás. Non me
decepcionou, o resultado é excelente; o autor (Fred Fordham)
capta maxistralmente a esencia do orixinal: guión, escenarios,
caracterización e expresividade das personaxes transpórtante á
Alabama de 1930 e mergúllante no corazonciño de Scout, a doce e ao
mesmo tempo rebelde nena á que lle gusta ler, saber, escoitar e a
través da cal imos coñecendo ás demais personaxes e o
desenvolvemento dos acontecementos.
Todo iso apoiado nunha acertada
elección visual: clásica, con cores suaves, planos moi ben
elixidos, unhas composicións exquisitas e un certo toque de
inxenuidade que conecta coa actitude por momentos pueril dos tres
protagonistas infantís. Non só gocei moitísimo a lectura e
contemplación lenta da obra, senón que me entraron ganas de ler de
novo a novela. Unha relectura máis repousada que entón,
saboreando frase a frase, levoume a profundar na psique de cada
personaxe e a reafirmarme na idea de que esta é unha novela que todo
o mundo debería ler porque retrata unha realidade que sempre está
vixente por moito que a sociedade avance, en fin, un clásico con
maiúsculas dos que nos fan crecer como persoas.
Se
vos atrevedes coas dúas, recomendaría empezar pola novela de
Harper Lee. Se es dos “alérxicos” á lectura e non che
importa o “spoiler”, comeza polo cómic (quizais te animes
despois co libro, que é máis rico en detalles) e por suposto, como
broche de ouro, recomendo encarecidamente o visionado do filme
“Matar a un ruiseñor” de Robert
Mulligan, unha desas xoias que nos deixou a “sétima arte”.
Gloria
Ningún comentario:
Publicar un comentario